Nace nos Ancares de Lugo ca necesidade de expresar a incomodidade da vida, as cousas que da medo escoitar. A súa andaina na poesía comeza nos micros abertos composteláns e nos Slam Poetry da mesma cidade, onde acadou no mesmo ano (2018) dúas veces o segundo posto. No ano 2020 a súa composición _O meu verdadeiro amor_ recibiu o segundo premio do concurso de poesía do concello de Cambados.
Está a cursar o grao de lingua e literatura galega da Universidade de Santiago de Compostela. Podedela atopar en Poesía Galega Novísima da editorial Urutau y Mujer, Brujas, Luna Llena y Meigas de Mariposa Ediciones.
__________
1
Mamá ten as pernas delgadas
o peito desgastado
e a espalda chea de feridas
-das que se ven
e das que non-
Mamá sempre di que está ben
cociña, traballa, e sempre ten tempo para os demais
pero eu sei que ela
chora en silencio cando ninguén a vei
que se cansa,
que sofre porque xa non pode traballar como antes
as feridas cada día pesan máis
e o seu corpo paga
as dores dos demais
-unha mala moeda de cambio-
Ela adelgaza
debece coma un paxarín pequeno
séntase no sofá
querendo disimular a impotencia
pero Mamá
xa fai moito que nos coñecemos
e eu sei que sofres
que choras cando marchamos
e que te carcome por dentro
ter que depender de nós
para ducharte
para facer un café
para sentir que a vida
aínda ten sentido
2
Gústame a cotidianidade,
a paz do meu fogar
-impenetrable-
A choiva petando na ventá
e o runrun do ar mexendo nas follas
que me furgues nas imperfeccións,
que me recompoñas as entrañas.
Gústame este silencio sepulcral
que enche a casa de alegría,
de días de manta e respiración tranquila
lonxe da intoxicación de xente
que máis que aportar,
-contamina-
3
resoan as notas
na miña cabeza
as pingas de auga
que baixan polo carreiro
-e un suspiro longo-
chove
nas rebolas hai un olor
a novidade
a esperanza
-a querer camiñar-
resoan as notas
nos meus dedos,
nos meus lunares,
nas pecas
e na claridade dos meus ollos
que non é de naide
é miña,
embriagada
polas dores
polas bágoas que non naceron
polo amor que lle reservo
a este corazón baleiro
4
xaneiro escuro
lembro a presenza ausente
do teu recordo a todas horas
-persegueme a túa
non existencia-
construín na miña imaxinación
unha figura que és ti
unha amabilidade
que se supón que é túa
e cas lembranzas dos demais
construín as miñas propias
e elaborei todo este amor
de neta descoñecida
de ausencia, de dor
sei que sou a lembranza
da túa morte
que tivemos a mala sorte
de chegar e irnos case
ó mesmo tempo
5
chámame no medio da noite
búscame,
-eu atopareite-
no devir do tempo
nos problemas
onde máis me necesites
chámame
e eu estarei para ti
-porque te quero-
porque te quero acompañar
na dor que percorre
as túas lembranzas
no sentir que no tempo
aínda resoan
as bágoas que non vomitaches
chámame
na escuridade do recordo
sempre me alumea
o teu nome
__________